Imaxe de Pixabay |
Estiven un chisco desaparecida, seino. Foron sempre así as primeiras semanas de volta ao choio? Esquéceseme ben rápido...
O afastamento informático, de todos xeitos, non foi infrutífero e estiven a preparar unhas cantas entradas (ehem, notas en papel) para compartir con vós, seguindo un pouco o tema dos escenarios do que vos falei un chisco o outro día.
Comezo coa primeira, centrándome de novo na inspiración que nos ofrecen os lugares, reais ou imaxinarios e como empregalos nas nosas historias.
A ambientación, os escenarios que escollemos nos nosos textos e ideas, eses lugares que describimos para poñer un chan, teito e cores arredor dos personaxes serven para algo máis que para os ubicar nalgures. Ese sitio no que colocamos á nosa protagonista, ao noso personaxe secundario, vai afectar á personalidade, á historia vital, ás características e aos pensamentos que lles deamos.
E viceversa: vemos os escenarios a través dos ollos dos personaxes (ou do narrador, que adoita expresar pensamentos subxectivos para describir o entorno).
A escena que elixamos e como a describamos vai funcionar de varios xeitos:
- Vai transmitir a quen nos lea un ton e unhas sensacións concretas
- Vai influír na profundidade dos personaxes
- Vai enmarcar a realidade na que nos movemos e darlle vida á historia
Apliquemos estas ideas, si? Imaxina que a túa historia se desenvolve na rúa da imaxe que abre esta entrada e pensa:
- Que tipo de historia será? Que sensacións che evoca?
- Como lle afecta ao protagonista ese mundo no que vive? Como pensas que se sinte nese mundo? Está a gusto nel ou, ao contrario, loita contra el? Que personalidade cres que terá o camiñante? Naceu aí ou chegou aí dalgún xeito?
- Como funciona ese mundo? Que o define? Como afectan as súas características a quen vive nel? Como vive a xente deste mundo?
Mesmo sen querelo, un tipo de lugar concreto faranos ter uns preconceptos sobre non só as súas características senón sobre as da xente que o habita. Proba a facer o mesmo exercicio con estoutra foto:
Imaxe de Pixabay |
Parécese en algo o resultado?
O ambiente e lugar no que situamos a nosa historia e os nosos personaxes aféctanlles en moitos aspectos: xeografía, historia, clima, situación política ou social, etc.
Para rematar, propóñoche outros dous exercicios:
1) Pensa no teu entorno (vila, cidade, barrio... elixe!) e escribe:
- Como acabaches aí?
- Como che afecta o lugar no que vives? Actuarías/pensarías diferente noutro lugar?
- En que se diferencia doutros lugares (reais ou fantásticos)?
- Como viviría onde vives ti unha persoa totalmente diferente a ti?
2) Proba a describir o lugar da túa historia (sexa real ou imaxinario) dende o punto de vista de personaxes moi distintas. Cambia o conto?
Cóntame que che parecen estas reflexións! Como usas ti os escenarios para montar a túa historia? Van de primeiros para montar as escenas ou prefires que vaian xurdindo?
Ningún comentario
Cóntame!