Glen Coe Lochan. Foto de A. Sáez. |
Non todo o monte é ourego e non se pode atopar inspiración innovadora todos os días, pero mesmo as cousas máis mundanas, insignificantes ou case imperceptibles poden regalarnos ideas impagables.
E xa non vos digo se o que ve unha no mundo é unha paisaxe que move os sentimentos. Pode ser fermosa, tétrica, estraña, acolledora... E é que a inspiración está por todas partes.
Como xa sabedes, este mes tiven a sorte de visitar Escocia durante as miñas (breves!) vacacións. A foto do encabezamento é de verdade. #Nofilter nin falta que lle fai. Nun sitio así, podedes imaxinarvos cantas veces vin ás protagonistas de As Crónicas de Landereina agochándose, camiñando polo bosque de Etlual, descansando contra o tronco dunha árbore.
Durante toda a viaxe, non só saquei fotos vacacioniles, senón que tamén aproveitei para sacar fotos de recunchos que me inspiraban para a historia que teño entre mans (a terceira parte das Crónicas), para outras ideas que xa están algo traballadas e para ideas futuras ou posibles.
Esas fotos non vara para ningún álbum, só serven de recordatorio para recuperar, cando o necesite, as sensacións de cando decidín quedar coa imaxe.
Un bo repositorio de inspiracións é unha ferramenta de valor impagable.
E cando un precisa revivir as sensacións, sempre pode volver a esas imaxes ou, ás veces, buscar o máis semellante: as Highlands escocesas descubríronseme como unha Landereina máis profunda e pura, pero o Camiño Real de Cervo, que no seu momento inspirou o camiño por Etlual, serve tamén para refrescar sensacións e ideas.
Nestas vacacións, Edimburgo aportoume novos elementos para o meu próximo proxecto, unha historia que naceu hai dous anos mentres camiñaba polas calellas dunha Venecia chuviosa, escura e algo tétrica. Na miña mente e nunha libretiña, reestruturei edificios e a cartografías do escenario principal. O xardín botánico da cidade aprendeume novos entornos, definidos por distintos tipos de vexetación. Os lagos, as casiñas, as montañas verdes e arboradas, os montes rochosos e baleiros feridos polos fortes ventos... Cada cousa que vin é aproveitable para algo.
Cómpre tomar fotos, notas (escritas ou mentais) e non descartar ningún tipo de imaxe.
Unha imaxe que consideramos negativa tamén pode servirnos, non o esquezades: non sempre escribimos (pintamos, pensamos...) sobre cousas positivas ou bonitas, tamén expresaremos conceptos que non nos gustan, falaremos de cousas que nos dan noxo, ou que nos causan sensacións negativas. A inspiración do entorno vale para todas elas.
Destas inspiracións, non só se poden tirar escenarios nos que desenvolver as escenas: se analizamos os elementos que nos chaman a atención do entorno veremos:
- Accións
Por exemplo, un anaco de bosque desigual, de arboreda densa e cheo de raíces ofréceme unha idea para unha fuxida complicada na que o protagonista pode tropezar, ferirse, ser alcanzado. - Personaxes
A escena pode falarnos do tipo de persoa que vive nun lugar, que fixo ou construíu os elementos que o compoñen, etc. - Argumentos
Que historia sucedeu neste lugar? Ou, como chegou este lugar a ser así? Como afecta a paisaxe, os seus elementos, o seu clima, etc. á xente que vive nel e que historias se xeran pola súa causa?
Por iso, ese é un bo exercicio: sae á rúa do lugar onde vives e mírao con outros ollos.
Que historia se agocha nel?
Teño un can dende hai 4 meses. Á mañá saco o can a mexar a un xardín-parque que hai embaixo do meu apartamento. Neses poucos metros, despois de 4 meses diariamente, continúo descubertas a diario. Pensaba onte: canto tardarei en interiorizar cada sombra, o movimento das ponlas, as ondas das herbas?
ResponderEliminarA paisaxe nova. A sabida.
Que bos consellos das.
Grazas, Zeltia! E que alegría lerte por aquí de novo :)
EliminarE máis cousas que descubrirá el! O caso é non deixar de se sorprender, verdade?
Apertas!