Que tipo de persoa produtiva es?


Ilustración tomada de 99u - de Oscar Ramos Orozco

Encántanme os artigos sobre produtividade. Xa sei que están moi de moda e que lelos é síntoma de alta improdutividade, a maioría das veces, pero é raro non atopar un bo consello, unha boa reflexión ou unha boa estratexia neles.

Neste tema, o blog de referencia, para min, é 99u. As súas entradas sobre eficiencia, creatividade, produtividade, etc. adoitan ser atinadas e útiles. O outro día, concretamente, vin unha sobre os 4 tipos de estilos produtivos que identifica Carson Tate e compartina.

E, aquí, vou compartir de novo o seu contido, iso si, traducido.

Por dous motivos:
1) Hai quen me dixo que lle molaría entender o artigo pero que o seu inglés non chegaba a tanto. Así, axudo.
2) Paréceme moi interesante e quero usalo como detonante para comezar coas miñas reflexións e ideas sobre a produtividade e creatividade aquí, no blog,

Lembrade, este contido está adaptado desta entrada: The 4 Types of Productivity Styles e nela podedes atopar ferramentas/apps axeitadas a cada tipo.


Non é infrecuente atopar consellos xeralizados sobre como ser máis eficiente no traballo (ou en calquera actividade importante para nós, realmente). Sen embargo, non somos todos/as iguais. Cada persoa ten unhas inclinacións naturais, unhas fortalezas e destrezas, e saber identificalas pode axudarnos a dar coas mellores ferramentas para sacarnos máis partido, a descubrir como traballamos para que o noso rendemento sexa o máximo. Isto é de especial interese para traballar en equipo (ou para evitalo, hehe).

Velaquí os tipos xenéricos de estilos produtivos:


  • O Priorizador

Estas persoas seguen o dictado do pensamento lóxico, analítico, baseado en feitos, crítico e realista. Para aumentaren a súa eficiencia, medirán canto lles leva completar certas tarefas para poder planificar con exactitude as súas xornadas. Gústanlles todos os obxectivos e céntranse por completo para asegurar que os cumplen. Están tan centradas na execución que apenas perden tempo ou enerxía en como o están a facer. Ás veces tenden a ser ríxidas e controladoras e poida que na oficina se lles coñeza por ser competitivas e impulsivas. Odian cotillear, que falten datos ou o exceso de confianza. Os seus emails son unhas poucas frases e, se poden , só unhas poucas letras.

Como contribúen ao equipo? Analizando datos, aportando análise crítico e solucións lóxicas de problemas; grazas á súa orientación aos obxectivos, consistencia e firmeza.


  • O Planificador

As planificadoras son os membros do equipo que brillan co pensamento organizado, secuencial, planificado e detallado. Aínda que a primeira vista poden parecer priorizadoras, as planificadoras somérxense nos detalles dun proxecto, mentres que as priorizadoras se centran só nos detalles que lles axudan a completar o proxecto rápido e con exactitude. Ás planificadoras encántanlles as ferramentas de calendarios e planificación de proxectos.
Non son as persoas máis espontáneas e, de feito, poden perder oportunidades pola súa reticencia a se desviar do plan. Hai algunhas que escriben cousas xa feitas na súa lista de tarefas só para poder riscalas. Funcionan mellor con horarios e plans de acción, e son coñecidas por facer seguimentos de control puntuais. Queren que vaias ao gran, xa verán os detalles despois. Odian ir a unha reunión sen orde do día. Os seus emails son detallados, con viñetas e accións punto por punto.

Como contribúen ao equipo? Están orientadas á acción e á practicalidade; atopan fallos que se pasaron por alto en plans ou procesos; organizan e manteñen datos e plans de proxecto.


  • O Organizador

As persoas organizadoras prefiren o pensamento comprensivo, expresivo e emocional. Son as xogadoras definitivas do equipo e sobresaen facendo equipo cos colegas para dar feito o traballo. Son comunicadoras naturais e facilitan con habilidade as reunións de proxecto. Odian que o resto non teñan o toque persoal ou que dependan de máis nos datos e feitos. As persoas organizadoras son faladoras, encántanlles as historias, o contacto visual, expresar preocupación polos demais e perguntar como un proxecto ou tarefa pode axudar ao resto. Poden tender a requerir un tempo para a charla persoal, mesmo se só cotillean uns minutiños en horas de traballo, e teñen que evitar engadir a alguén máis na liña de copia dos emails.

Como contribúen ao equipo? Anticípanse aos sentimentos do resto, comprenden as emocións subxacentes; facilitan a interacción dos equipos; son persuasivos e venden ben as ideas.


  • O Visualizador

Unha persoa visualizadora prefire o pensamento holístico, intuitivo, integrador e sintetizador. Funciona ben baixo presión e abúrrese facilmente se non está a manexar múltiples proxectos distintos. A visualizadora céntrase no panorama xeral e nos conceptos amplos, creando conexións. Ás veces, tende a pasar por alto detalles e a valorar as posibilidades durante o proceso. As súas espontaneidade e impulsividade excesivas poden levar a ideas rompedoras, pero tamén poden botar embaixo plans de proxecto. Probablemente, a visualizadora leva anos sen ver a superficie da súa mesa: ollos que non ven... Os seus emails tenden a ser longos e a estar cheos de conceptos e ideas.

Como contribúen ao equipo? Son innovadores e un catalizador para o cambio; son creativos á hora de resolver problemas: teñen habilidade para visualizar o futuro, recoñecer novas oportunidades e integrar ideas e conceptos.


Obviamente, estes tipos non son estancos: pódese pertencer a varios, aínda que haxa unha tendencia predominante. O importante é recoñecer cal é o noso tipo, saber como funcionamos mellor e, entón, que ferramentas nos farán máis sinxela a vida.

Eu son  unha planificadora de cabo a rabo: fago listas, organizo as tarefas pendentes antes de me poñer a elas e estaría perdida sen o meu calendario (que miro unhas 500 veces ao día, máis ou menos...). Non quere dicir que sexa a mellor forma de funcionar, pero a min funcióname.

Como se pode aplicar isto á escrita? Pois irémolo vendo. Teño moitas ganiñas de reflexionar sobre estas cousas con vós (e de ensinarvos as miñas ferramentas para frikis).

Recoñecédesvos nestes tipos de persoa produtiva? Cal é o voso?



Ningún comentario

Cóntame!