NaNoWriMo 2015 >> 30 días [Fin da maratón!]

Banner oficial NaNoWriMo 2015

Pero para onde foi novembro!? Comecei a maratón novelística do NaNoWriMo 2015 non moi aló (psé-psé, por chamarlle algo), os seguintes días foime bastante mellor e os últimos días...

... a tomar vento fresco (esta non é a primeira frase que se me ocorreu para definilo, pero online tendo a comportarme).

Vexamos os números:


17.471 palabras. Ou seña, só 1.436 palabras máis ata o día 25. E cinco días máis tarde, nin unha palabra máis.

Isto non é do todo certo, algo (case) sempre se escribe, pero tiven que poñer o freo na historia antes de meter gambadas que me custase tempo de máis solucionar a posteriori. Ata ese momento, fun seguindo as notas coas que me planificara o 31 de outubro, pero cheguei a un punto no que non podía seguir tirando para adiante sen máis: había cousas que revisar e replantexar.

Por iso, collín o meu texto, exporteino a un documentiño e propúxenme comezar a revisar e a facer as anotacións para completar o feito e para os seguintes capítulos.

Ademais, cumpría re-revisar Bágoa de Lúa e Feitizo de Sangue e botar conta das xornadas nas que transcurren os feitos. Isto foi o que vos contei no Twitter:


Se coñecedes algo da historia, isto significa que a viaxe das protagonistas debe coincidir en certos puntos do tempo cos movementos doutros personaxes, pero dado que todos se van movendo a diferentes velocidades (a pé algúns, a cabalo galopante outros, a cabalo lento algún máis...) e facendo paradas, a cousa complícase.

Así que agora toca darlle unha voltiña ao que levo feito. A maratón de novembro rematou ontes, pero a carreira continúa. 

O balance do NaNoWriMo é positivo, así e todo. Como xa vos dixen, alégrame descubrir que podo sacar unha boa cantidade de palabras adiante, se teño o guión preparado un mínimo. Parece que cun chisquiño de esforzo sempre somos capaces de facer máis do que pensabamos posible, verdade?


Ningún comentario

Cóntame!