Bosquexo de personaxe (III)


Ela era delgada de máis para ser nada, pero ao mesmo tempo era de todo.
Contaba que na súa xuventude fora modelo, pero en realidade fora azafata de congresos, desas que teñen que medir máis de 1,70 para poder sorrirlle á xente e indicar a ubicación de stands nas feiras. Tamén fora camareira e, logo, cantante nunha ducia de grupos distintos. Fora dependenta de perfumes, dependenta de moda e dependente de homes varios que non a trataran ben. E agora seica era actriz, aínda que non se sabía moi ben de que.

Cando o coñeceu a el, aínda era dependenta, dependente e comezaba a crerse actriz. Naquel home tímido e algo encollido, de amables ollos grises, creu ver a liberdade. Amosoulle un cento de chaquetas por que non marchara, e el probounas todas para que o día non rematara. Recomendoulle mil camisas e el mercou dous centos para que levara a comisión. Contoulle que axiña marcharía dalí, que sería actriz, a nova Julia Roberts, dixera, pero había que empezar por abaixo, e el tivo medo de non vela nunca máis. Ela observoulle as mans, desprovistas de aneis, aprendeu de memoria o seu carné, 1972, Vigo. El sorriu, aínda con medo, sen pulo para facer nin dicir nada, porque as mulleres fermosas sempre teñen a alguén, e porque as mulleres fermosas nunca o quererían a el. Ela inventou que el era o cliente un millón e díxolle que precisaba o seu número de móbil para o informar do seu premio nun par de días. El marchou, tras sorrirlle en silencio unhas cinco veces, seguro de que non a volvería ver.
Aos dous días, soou o móbil. Sei que non nos coñecemos, pero eu teño que fuxir e non podo pensar en mellor cobixo que contigo. Non teño onde ir. Quereríasme canda ti? O altofalante pronunciou un tímido "si", seguido do seu enderezo, e ela instalouse na súa vida.

2 comentarios

Cóntame!