Medio quilo de laranxas


Eu ao que ía era mercar medio quilo de laranxas, pero debinme confundir de sitio.

Non sei como, porque aquelo non parecía unha froitería por ningún lado. Era unha sala de espera incrible e horriblemente branca, non moi grande, con cadeiras de plástico azul e unha porta cun letreiro ao fondo. O tubo da luz parpadeaba, seguramente por un problema no cebador, como di sempre a xente cando parpadea un neón.

Por aquelo da curiosidade e por comprobar que efectivamente non estaba na froitería, fun ata a porta e lin “Pase sen chamar”. E non mo digas dúas veces.

“Meniña, que queres?”, dixo, tras uns lentes pequenos, un home cano e medio calvo con bata de médico (do cal unha deduce que é un médico, mesmo se non ten probas reais).

“Eu... eu ía... mercar laranxas...”, dixen, non sen me avergonzar.
“E tes cita?”
“Para mercar laranxas?”
“Tanto ten, tanto ten”, dixo, abaneando a cabeza, “senta”.



Por aquelo de que eu son moi ben mandada, sentei. Deixei bailar a ollada buscando os títulos das paredes e intentando ler de que eran. O doutor miroume os oídos e a boca (dicindo aaaaaaah) e logo quedou un bo anaco a mirarme os ollos, facendo acenos estraños que non inspiraban moita confianza. Cando parou, volveu á súa cadeira abaneando a cabeza de novo e murmurando “Ui, ui, ui”. Eu pensei que era polos dentes, que os teño fatal, pero non.

“Vaia lío me tes aí dentro, rapariga...”, miroume fixamente, despois de anotar algo nunhas follas brancas. Supoño que por notar a miña cara de estrañeza, ou porque era o seu traballo, intentou explicarse, non con poucos aspaventos. “Tes moviolas e poleas, circuítos eléctricos e chips, mesmo hai un proxector de cine que proxecta códigos binarios e películas ao mesmo tempo! Hai libros e palabras por todas partes! Meu deus, se ata tes un tiovivo de scalextric!”.

Eu nunca mirara tan fondo nos oídos, na boca e nos ollos de ninguén, e aínda que o homiño parecía sorprendido, certamente, nada me indicaba que iso non fose normal, polo que expresei o meu descoñecemento do tema, con certo temor a que agochase unha enfermidade estraña ou sen cura coñecida. O doutor fixo ese xesto que fan algúns como dicindo “non se lles ensina nada aos rapaces de agora!” ou “canta ignorancia hai no mundo!”.
Cun aceno brusco, despregou na parede ás súas costas un diagrama dunha cabeza humana. Non era o debuxo de sempre dun cerebro co seu córtex e lóbulos, senón un perfil baleiro con algunhas raias de puntos subdividíndoo. O doutor buscou nun caixón da mesa e sacou unhas pezas coma dun puzzle que foi situando nas divisións do perfil, explicándome as cousas que un atopa nunha cabeza. Ningunha era un tiovivo nin un proxector (logo entereime de que tiña un cine enteiro e que a proxección máis vista na miña cabeza era a da caluga, sempre o último éxito, e que a sesión X era xirando á dereita do hipotálamo, detrás do obradoiro de pintura moderna).

Non vou negar que tiven medo, debín quedar moito máis pálida do que xa son e penso que se me afundiron un pouco os ollos. Tremeume a voz cando lle preguntei:
“E como se amaña?”

“Pero toliña!” dixo, erguéndose dun chimpo, “Para que o vas amañar!? Mira!”.

Sacou do caixón das cousas que hai na cabeza unha especie de cortapizza e abriuse a cabeza pola fronte, destapándoa coma un cofre. Erguinme da cadeira para ollalo, alucinada. Alí dentro había un parque cheo de fontes con auga de cores, nenos en bici, xardíns que serían a envexa do de Versalles e todos ían con batas brancas e estetoscopios. Esas cousas tampouco eran das do caixón. O doutor púxose colorado e dixo polo baixiño:
“Son un romántico clásico, que lle vou facer”.

“Podo ver o meu?”, comíame a curiosidade.
“Claro!”, sorriu ilusionado.

Abriume a cabeza co seu cortapizzas (máis tarde descubriría que se chama cortafrontes, pero o mecanismo é o mesmo) e, coa axuda dun espello, puiden ver o que tiña dentro. O certo é que molaba bastante, non hai outra forma de dicilo. A xente da miña cabeza eran unha festa de cores que falaban sen parar, corrían do cine ao museo, da biblioteca ao bar, pintaban, bailaban, cantaban, choutaban e, a maioría, estábanse a rir de todo canto vían. Non puiden evitar sorrir, orgullosa do contido da miña cabeza.

O doutor púxome a tapa dos miolos e cerrouna co cerrafrontes.

“Debería deixalo así, entón?”, preguntei timidamente, agardando unha resposta afirmativa. El miroume cun sorriso cómplice.

“E logo, cambiarías algo?”

E non. Non cambiaría nada.

Saín da consulta orgullosa, observando todo incluso máis aló do que xa miro, pensando en como o estaría a absorber e vivir a xente da miña cabeza, sorrindo coma unha gilipollas.
E, claro, esquecéronme as laranxas.

2 comentarios

  1. Encantoume este relato de hoxe,
    Quedeime coa teima de mirar na miña cabeza, porque estou certa de que tamén deba estar ateigada de cores e xentes bulindo e sen para de rir, ou sexa un caos, penso isto porque tamén esquecín o que ía facer e de súpeto atópome aquí lendo o teu blog.
    Apertas.

    ResponderEliminar
  2. Xa é hora de contarcho. Unha vez vin a ese médico e deume unha lentilla que non se ve, pero que a levo posta, e con ela podo mirar dentro da túa cabeza sen que ti o saibas... Eu xa sabía que era así; un universo fascinante que non debe cambiar por nada do mundo. Alomenos non máis do que cambia todo aquelo que sigue para adiante.

    Bicos!

    ResponderEliminar

Cóntame!