Unha nova Gramática


Se cadra xa nin vos acordades de min, co tempo que levo sen actualizar este bloguiño.
Se cadra non vos dades conta de todo canto cambiou por aquí, pero son abondo cousas.

Empezando polo principio, e indo por partes, que diría Jack o Destripador, cómpre dicir que este é un blog completamente novo, montado de cero e aqueloutrado ás agochadas ata (case) este momento.

Aínda que www.gramaticadecorpos.com dirixe tamén a este lugar da rede, o novo enderezo (o que vos pido que engadades aos vosos lectores de feeds, se é que os tedes, ou que visitedes de cando en vez, se vos fai) é


Ultimamente // Libros e orgullo friki


Vou intentar remediar a deixadez á que teño sometido a este bloguiño meu con estas notas de actualización, por chamarlles dalgunha forma.

Ás veces non hai moito que contar, e falar seguido de traballo, sexa o que paga as facturas ou o que alegra o día, acaba por cargar a caixa. Tampouco quero desbarrar cos plans e ideas que me pululan libremente pola cabeza: disque se se confesan os propósitos diminúen as posibilidades de logralos, así que canto máis queden en petit comité, máis factibles me parecerán... se cadra.

Entre as cousas que andan pasando están as Feiras do Libro, das que sempre vos conto. A principios de mes pasei pola de Santiago e non puiden evitar unhas cantas compras, incluído este marabilloso libro de Miguelanxo Prado, Ardalén, que devorei entusiasmada. Este luns achegueime á feira de Vigo á presentación de Recinto Gris, de Ledicia Costas. O acto foi un encontro moi ameno, a modo de diálogo entre a autora e Marcos Calveiro. E non merquei nada. Igual ata me estou rehabilitando...

Ultimamente // Feliz día do libro!

Vergonza me debía dar pensar canto hai que non actualizo... Pero tampouco me dá tanta, non vaiades pensar.

É difícil sentirse mal cando o tempo está aproveitado. Podía estar máis aproveitado? Claro que si, pero ver o número de páxinas da segunda parte das miñas "croniquiñas" medrar é un sentimento demasiado positivo como para enmerdalo (con perdón pola expresión) cunha perda de tempo tan grande como sentirse mal.

En resumo, niso veñen pasando os meus días ultimamente (despois de traballar, antes de saír as findes, enténdaseme): en escribir.

Outras cousas que ando facendo... Pois aprender a esculpir en arxila polimérica, correr e ler.

En arxila saiume ese raposiño porta-aneis que vedes na foto. E está sentado sobre a miña última lectura, unha recomendación dunha amiga que, polo que estou vendo, atinou de cheo! ;)

O resto das lecturas pendentes están na estantería vertical do salón, canda outras lecturas rematadas (o meu criterio de orde nos libros é un tanto peculiar... pero é orde, prométoo). Por aquilo de que é o día do libro (feliz día do libro!!), déixovos uns retratos desa estantería. Entre as últimas adquisicións, City of Ember, The Book Thief e un que non sae porque está onda os "libros xoia", The Bird King, unha marabilla máis de Shaun Tan.

E vós, que estades lendo? Se a resposta é "nada" ou "non sei que ler", pensade que hoxe é o día ideal para buscar esas páxinas que vos están agardando!

Dot: 54 - Vacacións


Que si, que xa non actualizo nada e estou feita unha bandalla. Xa vos alegraredes cando saia o meu segundo libro.

Polo de agora, vou ir pouco a pouco deixándovos cousas, coma esta ilustracion, a da nova Revista Dot, que xa cumpre 9 aniños!

A revista, coma sempre, tédela en Issuu aquí e seguro que perto vos cae algún punto de distribución para botarlle un ollo en papel.

Stanley

Acuarela sobre lápiz
Sombreado con lápiz
Como vos contei o outro día, á miña morsa faltábanlle cores. Aínda que o papel non era o axeitado (pouca gramaxe), decidín poñerlle as cores con acuarela. Outro(s) día(s), coa acuarela seca, sombreei con dous lápices (un máis brando e escuro, un duro e clariño), ata dalo por rematado. Podería telo traballado un chisco máis, pero estou moi contenta co resulatdo e é un bo entrenamento. Bótolle en falta os bigotes, pero despois de pintado e sen ter reservado os brancos, a cousa non quedaba tan ben como me gustaría. Iso si, o meu amigo (e artistazo!) Marcos xa me dixo como facer e penso armarme cos materiais e probar a facer reservas de brancos moi pronto!