Stanley

Acuarela sobre lápiz
Sombreado con lápiz
Como vos contei o outro día, á miña morsa faltábanlle cores. Aínda que o papel non era o axeitado (pouca gramaxe), decidín poñerlle as cores con acuarela. Outro(s) día(s), coa acuarela seca, sombreei con dous lápices (un máis brando e escuro, un duro e clariño), ata dalo por rematado. Podería telo traballado un chisco máis, pero estou moi contenta co resulatdo e é un bo entrenamento. Bótolle en falta os bigotes, pero despois de pintado e sen ter reservado os brancos, a cousa non quedaba tan ben como me gustaría. Iso si, o meu amigo (e artistazo!) Marcos xa me dixo como facer e penso armarme cos materiais e probar a facer reservas de brancos moi pronto!



I am the walrus

Non, eu non son a morsa, como di no título, pero non puiden evitar facer a referencia.

Hai días (tardes) que sento a escribir e a cousa sae fácil.

Pásanme as imaxes desa Landereina miña pola cabeza coma se estivese a lembrar unha película. Cando descanso ou paro un anaquiño, a escena na que estou quédaseme en "pause" na fronte e só prosigue cando as mans se pousan no teclado de novo.

Eses días molan. Son días moi produtivos, e a satisfacción ao ver, ao final da xornada, o tempo invertido ou as páxinas resultantes é inmensa.

Un ballestrinque e un cote


Cun ballestrinque no peito
e un cote na tempa,
non hai auga de trebón que me arrede do teu colo

Guíame, 
intenso,
o nordés
e chámame á túa lareira

Sabes?
Non precisas falarme do lume
cando xa me quentaches os pés

Apocalipse sen ti

Foto de Ben Toller


No ilóxico pavor dun despegue
e contra o vento feroz deste febreiro
non hai sangue nos vidros rotos

Nas tétricas néboas dun día a soas
ollo o abismo desta fin

E sei que eu
só temo a apocalipse
sen ti

Dot:53 - Analoxía


Unha bimensualidade máis, aquí tedes a miña ilustración na Revista Dot. Imos xa polo número 53 (podedes lela online aquí).