O resultado

no fondo, non era nin muller nin paxaro.
era unha besta agochada trala dualidade dun descoñecido ser mitolóxico,
o resultado de ser devorada tantas veces,
de térenlle remexido as entrañas
con mentiras.

a salvación, sempre se soubo, está nas ás,
ben dos anxos, ben da águia que unha leva ás costas.


Os meus domingos

Decidimos non celebrar San Valentín.
Non temos nada en contra do día.
Tampouco nada a favor.

A min gústame pensar que te quero igual todos os días.
A ti gústache que os domingos sexan domingos.


Querería dicirlle á xente que os domingos levo unha vida bohemia,
que disfruto dos praceres máis sinxelos da vida dos que sempre falan os intelectuais.

Querería dicirlles que leo os periódicos tomando o café,
que poño a radio mentres me ducho
e logo saio pasear na calma dominical.

Se me chegaran as ondas do mar pola radio
poida que a puxese,
pero o certo é que vexo a tele.
Vexo debuxos animados
con sumo interés
e tomo torradas con aceite co café
con non menos interés.

Unha ducia de bailarinas



Cando se achega a noite,
as bailarinas chegan ao cabaret de incógnito.

Son corpos de pulida madeira de buxo,
carcasas baleiras agás polos enferruxados mecanismos que as gobernan.

Onde a miña vista as perde,
cúbrense de plumas e peles,
de sorrisos e insinuación,
e outros homes gozan dos seus movementos,
mentres eu agardo o día
neste escuro cuarto.

De portais dimensionais


A Ponte de Rande éme a emocionante porta de volta á cidade de Vigo, tras unha longa viaxe de tres horas. Haberá a quen tres horas non lle parezan tanto, pero sen saír de Galiza, vaille chegando. Cando fago a ruta á inversa, o punto xeográfico no que sei que estou na casa é un anaquiño pequeno de costa, pasado Foz, onde hai unha casa vella, abandonada, se cadra, a cal, pechando só un chisco o ángulo de visión, semella estar soa nunha costa báltica fría azoutada polo cruel mar.

Hai varias formas de ir a Vigo, pero eu vou pola N-642 á N-634 e logo ata o tramiño de A-8 que hai aló por Vilalba e ata Baamonde. En Baamonde xa se colle a A-6 e nela séguese ata enganchar coa AP-9, aló por Arteixo, para tirar ao sur, todo recto, ata a saída 5v.

 Ou ía.

Gramática básica. Introdución.


O científicio ávido por explorar o complexo estudo da gramática de corpos debe, sen temor a perder a súa mestría ou sabedoría, despoxarse de todo preconcepto adquirido sobre a morfoloxía, en xeral, do ser humano e sobre o funcionamento do seu cerebro, en concreto.

O estudo que a gramática de corpos ofrece da ontoloxía humana debe entenderse en todo caso, meu querido lector, como un re-descubrimento, un re-coñecemento das partes que conforman a cada unha das persoas e outros seres afíns. Establecerase, no curso da nosa actividade, unha nova taxonomía de carne e ósos, baseada na máis estrita semántica neurofuncional a escala celular.

Está vostede a punto de descubrir non só unha gramática funcional, senón unha gramática histórica e, sen dúbida, transformacional, traída ás súas mans grazas ao estudo exhaustivo adicado durante longos anos polas persoas (e seres afíns) que conformamos o Equipo Gramático B4A.

Propoñemos ao lector, antes de se adentrar no corazón deste volume, realizar un sinxelo exercicio de reflexión,  de cara á nosa primeira lección, sobre as seguintes cuestións:

1. ¿Perde un acto/efecto humano importancia se se repite coa suficiente frecuencia?
2. ¿Perde este mesmo acto/efecto humano complexidade nas devanditas circunstancias?
3. ¿Cre lóxico afondar na complexidade deste acto/efecto, tan habitual?