A silueta perdida

En xaneiro a area é case sempre un lenzo en branco.

O outro día, metín as miñas pegadas nunha bolsa de plástico do Froiz
e fun poñelas ao Morrazo.
A aquela praia, destas praias de ría... non coma na casa.
Na casa, á fronte, só hai mar,
(e o faro que pintou meu pai)
e máis aló, supoñemos, ingleses e irlandeses
(seica).
Coloquei as pegadas na area pragada de puntillismo de choiva.

Desta vez, deixeinas moi separadas, coma se non foran de pasos meus,
senón dalguén máis grande,
un xigante de pés ridiculamente pequenos.
Cando rematei a miña tarefa, vin aquela sombra,
queda na area, alongada, sen un corpo que a acompañase.
Souben ao instante que alí estaba soterrado un esqueleto,
e aínda así, escarvei na area.
Era coma un achádego antropolóxico fascinante,
que intentaba sorrir sen pel nin músculo
(estas cousas sábense, mesmo se faltan pezas).
Paseamos, o esqueleto e eu, pola area da praia,
e eu pregunteime se el estaba a sentir o frío da húmida area.
Faleille das miñas pegadas, de como conseguira algunhas,
como fixera outras,
das que me regalaran
e das que aparecen de cando en cando no chan do cuarto de baño.
El faloume de cando lle arrincaran a pel,
aquela fermosa moza que parecía tan boa
e que ao marchar só deixara cicatrices.
«As cicatrices», díxome, «non as curei ben,»
(movía a cabeza con pesar, se cadra arrepentimento)
«e fóronse facendo autovías,
eu metíalles o dedo para lembrala e iso só as agrandaba,
ata que a pel comezou a arrastrar tras miña,
enchéndose da merda do asfalto,
rasgándose nos chanzos,
deixando anacos nas beirarrúas,
uñas nos desaugues.
E un día, pisárona.
Desprendeuse, sen previo aviso,
soltouse e quedou no chan.
Logo pisárona máis pés.
E non volvín por ela.
Habíame dar boa pereza limpala.
Aínda que me había lembrar quen a rompera».
Pregunteille cando perdera os músculos, os tendóns, os órganos, os ollos...

Abaneou a caveira.
O vento resoou nas cuncas dos ollos coma nunha caracola.
«Mandeille un bíceps por correo.
Aquel que tanto lle gustaba bicar.
Envieille o ventre para o que tanto cociñou.
Deille os ollos nunha caixiña de seda para que se vira como a vía eu.
E o resto... o resto regaleino pola rúa,
queimeino,
guindeillo ás gaivotas».
Os dous miramos ao horizonte, que aquí non é horizonte, senón Aldán,
e eu non lle dixen o errado que estivera,
canto perdera, como se amaña a pel,
todo o que eu aprendera das cicatrices sen furgar nelas co dedo.

«Méteme no meu furado», dixo.
«Algún día...
algún día atoparame ela».
Mentres o cubría quixen preguntarlle se ela era das que escarvan nas sombras sen corpo.
Non o fixen.
E non o creo.

2 comentarios

  1. Hai tempo que che quería comentar que iste poema é fascinante, do que máis me ten gustado no lido no microcosmos da blogoteca... en serio, é a caña.

    ResponderEliminar
  2. Puf... súbenseme as cores.
    Moitas grazas.
    :)

    ResponderEliminar

Cóntame!