A vulnerabilidade da noite


Esquecín a coraza na casa e saín en carne viva.
Foi estrañamente agradable sentir o vento entre os tendóns.
Mesmo me detiven un anaco a observar cómo se contraían os músculos, húmidos e rosados.

Cando un esquece a coraza deixa máis que pel ou ferros.
Deixa as armas, coma se o resto do tempo foramos amazonas, guerreiras, murallas de granito protexidas por arqueiros.
Deixa o valor e a mercromina.
Que a mercromina cura todo.

Pero sinte tan fortes os bicos coma os puñais.
Sinte coma se fora do revés.
E as cóxegas no estómago son tornados de ilusión.
E as caricias son terremotos de pracer.
E os bicos no pescozo son xemidos atronadores que che piden que non pares.

Non pares.
Que esquecín a coraza e son vulnerable.
Non pares.
Que te sinto tras as veas, atrapado en mín.
Non pares.
Que mañá poida que non a esqueza.

E poida que un arqueiro me defenda de ti.
Mesmo se eu non quero.




5 comentarios

  1. as corazas fixeronse para defender o corazon, pero sen elas todo pode ser mais intenso.
    apertas

    ResponderEliminar
  2. Señorita...tiene usted un encargo computado en mi bitácora, por ser tan buena.
    Mua

    ResponderEliminar
  3. Gustoume moito este escrito, moi plástico. Gustoume.

    Un saúdo.

    ResponderEliminar
  4. Pra que queremos corazas? pra que nos serven? Se cando baixamos a guardia e nos deixamos querer, algún día pérdese todo e a coraza faise moito mais grande se cabe...

    Non sei se é mellor andar sen ela ou non quitala nunca.

    bikiños.

    ResponderEliminar
  5. Á espera de novos posts neste blog, curioseo entre os vellos versos. Gustoume este: corazas e vulnerabilidades.

    ResponderEliminar

Cóntame!