Gris

TRD Vigo-Santiago
Setembro, 2002
Hai pouco cría que a tristura era azul, coma nas cancións inglesas, coma a música de blues. Sometimes I feel blue. Agora todo semella gris. Coma se estivese sentada neste sofá cun nubarrón sobre os ombros que me chove enriba e me afunde en min mesma e onde me doe, e aí non quero estar. Todo semella gris... un monocromo onde, se cadra, chegarei a sentirme cómoda.


En gris imaxínome nunha película antiga, en branco e negro, co pelo ao Olivia Newton-John facendo de Sandy. Ouh, Sandy.
Xa non somos os amos do mundo, verdade? Pero seguimos estando aquí. Eu estou… e ti, estás aí? Estasme oíndo?
Fáltasme. Faltas dese xeito estúpido no que se non o penso non te boto de menos, e iso asústame.
Voume castigar mirando para a parede, cos brazos en cruz, enciclopedias nas mans e lapis baixo os xeonllos… Mellor prescindo dos lapis…
Por que?
Porque doe máis, carallo!
Por que te vas castigar?
Por asustarme ou por botarte de menos ou por marchar… Non sei…
Ás veces quero verte. Quero verte, pero estás moi lonxe, e xa sabes que non vexo ben de lonxe.

Non me gusta o gris. O gris oprime o peito. Sei que a ti tamén. Boto de menos o azul e dicirche que cando chove o verde é máis verde.
Gustaríame verdearnos. Que voltemos ao technicolor, pero sen cores non podo debuxarnos nada...
Estou confusa, iso xa... O gris sempre foi confuso.
Cando saín da casa a outra noite vin a Orión vixiándome, ou coidándome, ou non sei o que. Orión non ten cabeza. É un soldado fracasado que coida a miña cabeza para que non a perda. O certo é que a perdo igual. Perdo a paciencia, perdo o tempo, perdo os nervos, perdo a conta dos minutos que hai que non miro pola fiestra para ve-lo ceo gris sen Orión o soldado fracasado sen cabeza, que me coida ou me vixía ou non sei que... E pérdote a ti e penso… Penso en Magritte por esas cousas tan raras que pinta. Teño a cabeza perdida e penso cousas raras coma as que pinta Magritte. Unha rosa xigante pechada nun cuarto, ou unha mazá verde tamén nun cárcere de paredes pintadas de amarelo vainilla... Teño claustrofobia. Son unha mazá enorme e quero saír.
E saio. E marcho do teu carón e se cadra algún día alguén pensará que marchei de xeito poético, coma se me fose alonxando na choiva, cun chapeu e un maletín cara ás luces da cidade, ó fondo, os meus cabalos na rotonda, mentres ás miñas costas se debuxa a palabra FIN.
Non sei que facer… e non me podes axudar. «Ti es unha festa e eu son unha noite de semana e estou a busca-la miña chave, pero ti é-la luz da entrada»[1]. Sabes que quero aluma-la luz, pero o interruptor está onda as cores.

Sometimes I feel blue...

Sometimes I feel grey...

¿?
Setembo, 2003
Ó mellor… ó mellor lembras as cousas que dixen que non cambiarían igual que lembras tódalas datas importantes. Estou segura de que o tes todo escondido nalgún recuncho dos miolos, se cadra xusto enriba da caluga, onde disque se proxectan os soños. Sei que lembras cando eu ría e dicía que moito tiñamos que cambiar calquera dos dous para que non te quixese como te quería… E logo, aquel día, recordáchesmo e dixéchesme que ti non cambiaras… que eu tampouco… Pero se cadra eu si cambiei. Ti ve-la mesma carcasa, pero eu desfíxenme por dentro. O que choraba eran anaquiños de min e, se non os aproveitaba, sabía que non volvería ser eu. Nin para ti nin para niguén. Cando me envolvía en min mesma no sofá, estaba a rete-la eu que intentaba fuxir (foxía para que só me quedara baleiro no interior) e así gardarme un pouquiño máis.
Pasou tempo dende que rachei por dentro. Seino. Dende aquela vou xuntando anaquiños e facéndome de novo, montando pezas coma nun xogo de Tente. Algunhas pezas, coma as do xogo que eu tiña de nena, xa non encaixan ben no sitio. Roínas ou piseinas ou non sei que, outras debinas de perder. E se cadra pensas que me refixen ben e que, se son a de antes, os dous xuntos podemos se-los de antes. Pero sei que a eu feita anacos te rachou un pouco a ti tamén antes de marchar. Non sei se a túa ferida sandou, pero a min aínda che me doe, nalgún sitio entre a íngua e os pulmóns... e non quero romper máis cousas. Xa rompín abondo. Teño medo do que poida facer ou dicir. As palabras poden ser coitelos. Calquera cousa é un arma, se a suxeitas ben.

Aí me tes. Sigo montándome, debuxándome pouco a pouco para facerme forte outra vez, para dar feito comigo, que moito me dou que facer... Estouno conseguindo, non si?
E ti? Dás feito contigo? Se queres, debúxoche un sitiño aquí, ó meu carón, para darche as grazas por axudarme a ordena-las pezas, por termar delas e por lembrarme onde estaban cando as perdía entre as bágoas. Podo debuxarche o que queiras, só mo tes que pedir. Pódesme pedir calquera cousa. Podo face-lo que queiras. Podo facer que asome o sol de entre as nubes e xa verás como, paseniño, nos imos coloreando... Se cadra non xuntos, pero o verde volverá ser verde... e máis aínda cando chova.

____________________________
 [1] «You are a party and i am a school night and i’m looking for my doorkey, but you are my porchlight»; Ani Difranco, “Reckoning-Revelling” (2001)

1 comentario

  1. Este comentario foi eliminado por un administrador do blog.

    ResponderEliminar

Cóntame!