Fadas


Houbo unha vez un príncipe que vivía nun castelo ao pé do mar. Pódelo imaxinar coma un príncipe azul loiro vestido de prata e ouro, pero en realidade non era así. Eu imaxínoo castaño e sorrinte, falangueiro e ben vestido, coas apertas fáciles e os bicos lixeiros.

Un día, atopou unha fada nun narciso do xardín. Falaron e riron e deron voltas pola herba. Deron en verse tódolos días e quedaron en xogar con rosas vermellas e pingas de choiva.

Pero os príncipes e as fadas non poden adicarse só a xogar. Ao príncipe comezou a medrarlle a cabeza e a inflárselle os miolos de cousas que pensar, a fada tivo que facer as maletas e voar.

As pombas mensaxeiras non abondaban, e doíalles todo coma se as rosas das que falaran lles chantasen as espiñas no estómago. E un día, a cabeza hinchada do príncipe fixo "pum". Abréuselle un furadiño ao pé da tempa, escaparon dous pensamentos e entraron catro máis.


O príncipe foi ao narciso e a súa tristura púxoo murcho. A fada apertouno e el bicouna. Sorriron só un día máis e logo el renunciou ás rosas. Ensinoulle os pensamentos que lle inflaran os miolos e desculpouse antes de marchar.

A fada debuxou flores durante días e regounas con bágoas. Coidáronse un ao outro mandándose apertas nas nubes.
Se cadra, algún día, encolleralle a cabeza de novo e caberalle o meu pensamento. Algún día, atoparémonos no meu narciso, ou noutro. E prometeulle ao aire que seguiría a debuxar flores, e o aire prometeulle que non lle diría a ninguén cando espiase, de vez en cando, pola fiestra, esperando a que ao príncipe lle desinflasen os miolos.

3 comentarios

  1. Alégrome de que deras en escribir o teu conto de fadas. Nin nada nin ninguén pode quitarlle a maxia.

    ResponderEliminar
  2. E por certo que o de dicir cousas "cursis" coa cara de Gustavo ó lado faime bastante gracia

    ResponderEliminar

Cóntame!