We looked like giants


we looked like giants in the back of my grey subcompact
fumbling to make contact
as the others slept inside

and together there
in a shroud of frost, the mountain air
began to pass from every pane of weathered glass
and i held you closer than anyone would ever get...

[Death Cab For Cutie -- We Looked Like Giants]

Click!

Douche un suspiro nun cofre para que lembres a miña pel.

Douche unha ollada nunha botella para que bebas os meus beizos.
(Pero débesme unha lingua que rompa silencios e un sorriso que me fabrique outra foto dunha nube coma esta) 

A última noite

Sabedores do distanciamento, mirámonos con ollos tenros en silencio. O mundo evaporouse nun remuíño de nubes nocturnas coma se fose un debuxo animado. Xuraría que nun momento chegamos a dar voltas no centro da praza, esvarando en círculos sobre a pedra mollada. Aquela aperta durou meses; o bico de decisión para irmos á casa, semanas.

Camiñamos collidos da man, con olladas de esgueira trastes e inventoras, con moitos silencios e as verbas ben pensadas.

Camiñamos deslizándonos polos pasos de cebra sen mover os pés, coma nun efecto especial pouco logrado, fotograma a fotograma, coma se fosemos polo aire, coas cores difuminadas, nunha película con grao e po. Como a cinta era vella, ás veces a imaxe escorábase e tiñámonos que agarrar para non caer dela. Rimos ata que nos doeu a barriga e confundimos o riso con fame.

Mañás

Pouco despois do amencer, co clarexar da mañá, abriu os ollos, espertou. Incorporouse na cama, na súa pel relaxada e mol do sono sen acender a luz.
"Hoxe aínda me queres?" preguntoulle, e el sorriu en soños e murmurou un "si" de saliva espesa.
Ela vestiuse cun sorriso compracido mentres el seguía a durmir envolvéndose nas sabas. Suspirou orgullosa do costume que creara e que, para ela, supoñía un agoiro positivo. Se hoxe aínda me quere, será un bo día, dicíase. Sentíase tranquila, segura e protexida ao alonxar unha dúbida que sabía infantil pero que nos seus momentos grises (de choiva interior, dicía ela) a atormentaba ata darlle volta ao corazón.
Acostumaba a pensar de máis, a pensarse pequeniña e en perigo. En perigo dos cambios, da soidade, do rexeitamento e dos erros. Logo paraba a manivela dos miolos e, ás veces, mesmo paraba de andar. Entón dábase un golpe imaxinario na fronte e chamábase parva para os seus adentros, respiraba fondo e pensaba noutra cousa.
Aquela mañá, un día chuvioso e gris, vestiuse na escuridade do mal tempo. Intentou mirarse no espello e sorriulle a un reflexo que non vía.
"Hoxe aínda me queres?", preguntou desde a porta. El remexeuse e rosmou un "si" de sabas pegadas e logo un "que teñas un bo día" cheo de legañas.

Ela e a lúa


Un día viu un furado no ceo e tivo medo de que escaparan por el as estrelas.

Fitouno sen pestanexar, vixiante, ata que apareceu unha nube abondo grande para enfiala e poder coselo. Cando rematou, roeu a nube para cortar o fío e logo contou as estrelas de arredor. Estaban todas, pero algunhas quedaran brancas de medo e houbo de pintalas de amarelo cun lapis pouco afiado para non mancalas.

Un día, á tardiña, chamouna o sol para convidala a un café. Ela puxo un vestido branco limpo, peiteouse ben e subiu onda el, agatuñando polas nubes laranxas do luscofusco e agabeando polos ronseis dos avións. O sol puxo un mantel bordado sobre un neboeiro e serviu café en dúas cuncas de louza. Ela preguntou polo zucre e o sol rebuscou no neboeiro ata atopalo. O sol sorriu, deulle un groliño ao seu café e preguntoulle "a quen queres?".