Sargadelos

A fin de semana pasada estivemos na terriña celebrando o aniversario da avoa paterna. Baixo un ceo soédrego e con ameaza de choiva, despois dun señor xantar, decidimos baixar a paparotada cun paseíño ata a Fábrica de Sargadelos.



Work in progress: Mariñadas (II)

Sigo cos pasiños que vou dando no cadro para o poema Mariñadas. Despois de dar por rematado o bonito e de darlle cor ao fondo, tocáballe o turno a unhas patiñas de calamar que asoman por baixo do peixe. Miña nai di que son patas de pulpo. Serán! Eu déixoo en tentáculos que forman parte da composición. A saber que hai agochado detrás do bonito...

Feliz día do libro!

Incredible Book Eating Boy, de Oliver Jeffers

Así comades libros como se vos limitades a lelos, hoxe será un bo día para vós. 

Gustaríame que todos os días fosen o día do libro e gustaríame poder ler todo canto quero. 
Se cadra sería máis fácil se puidese tragar os libros, pero prefíroo difícil.

"De onde o mar leva á nada", a miña aportación a O recanto das horas

Rande (foto de Anxo Cabada)

Esta marabillosa fotografía de Anxo Cabada é a que acompaña ao textiño que escribín para o amígo Ramón Nicolás e a sección O recanto das horas do seu blog Caderno da Crítica.

Artigo de opinión no Sermos Galiza


No Sermos Galiza en papel, publicado onte, podedes atopar esta reflexión miña. Porque, ás veces, mesmo reflexiono.

Todo, todo
Ultimamente sinto que leo demasiado pouco. Sei que o meu pouco é o moito de alguén. Tamén sei que ás veces as miñas lecturas son consideradas refugallos inmundos para quen se vangloria da súa cultura. E sei que, outras veces, son consideradas ladrillos infumables para quen fuxe da marca maléfica que seica deixa a cultura no pobo chan.
Porque seica, iso teño entendido, hai cousas que é mellor non sabelas. Hai historias que é mellor agochar. Hai libros que é mellor non ler. Hai linguas que é mellor non saber.

Work in progress: Mariñadas

Non me esquezo do primeiro "cadro grande" que me propuxen para este ano. Para quen non o saiba, hai un par de meses pedín axuda para escoller a que escrito deste blog adicarlle un cadro. O resultado publiqueino a finais de febreiro e nos bocetos de hai un mesiño puidestes ver a idea que pensei en utilizar (a da última imaxe).

Pois ben, a idea xa está trasladada a un lenzo e a cousa vai avanzando! Aquí vos deixo unha parte do proceso.

Artigo na Traveler sobre o Casco Vello


Se cadra xa o vistes grazas a facebook ou twitter, pero nunca está de máis deixar constancia por estes lares: velaquí o meu artigo para a revista Traveler sobre o Casco Vello de Vigo. Botádelle un ollo, salivade e vémonos polos bares!

Dot: 60 - Quinielas

Desta volta, con motivo do 10º aniversario da Dot, que se di pronto, a Sergio deixáronlle escribir máis, así que eu fixen unha ilustración en vertical.

Aquí tedes* o progreso e o resultado. O texto de Sergio está aquí e, claro, na Dot:60.

De cando me deitei nunha rocha

Ao pé do cole ao que ía de pequena había (non fun comprobar se aínda a hai, pero dubídoo moito) unha rocha grande. Era unha pena amarelenta, granítica, abondo lisa e cando facía sol estaba morna. Ao seu carón, na primavera, amoreábanse os dentes de león (mexacáns, seica) e coa herba verde brillante arredor a estampa era deliciosa. 

Moitas tardes eu quedaba no cole mentres a miña nai remataba cousas do traballo. Un colexio ten infinitas aventuras, crédeme, dende a biblioteca ás aulas, pasando pola sala de profesores. O ximnasio adoitan pechalo, iso si, e por moito que daquela me fastiase agora teño que darlles a razón aos adultos. Non pechan sempre o cuarto da fotocopiadora. Aí o deixo.