"Entre o libro e as letras" 2015

O pasado día 15 tiven a sorte de asistir a un acto celebrado no IES Gonzalo Torrente Ballester de Pontevedra. A marabillosa idea das marabillosas mentes pensantes deste centro é a de celebrar diferentes concursos, certames e eventos entre o día do libro e o día das letras galegas, de aí que lle chamen ao acto Entre o libro e as letras.

Fun convidada como madriña do acto para botar un pequeno discursiño e para facer a entrega de premios (dar diplomas e sorrir, e nin saio con xeito en todas as fotos, mimadriña!). Ao chegar cun chisquiño de tempo puiden ver tamén a biblioteca, non só grande e ateigada de libros de fantasía con motivo do tema do acto deste ano, senón tamén cuns murais preciosos nos que os lombos dos libros levan os nomes de escritores e escritoras (e está o meu!).

Velaquí algunhas fotos que amablemente me fixo chegar Pedro, a quen non poido máis que reiterar milleiros de grazas por me convidar. De verdade, paseino francamente ben.


Os carteis na porta do salón de actos

Como tiña que dar un discursiño, conteilles algunhas cousas aos rapaces e rapazas que alí había. Non teño un escrito que deixarvos de mostra, pero si que vos podo dicir que cousas eran estas. Cousas que penso e creo firmemente e que nalgún sitio vos teño que contar.

Comecei coa "mítica" de que dar discursos non é o meu. Pero é certo, por iso, mentres preparaba que dicirlles busquei palabras e ideas de escritores "de verdade" (entendede as miñas comiñas). E a verdade é que se dá unha conta de que o que din coma se foran verdades absolutas non son máis que leccións aprendidas no tempo traballado. Falan os escritores e escritoras "de verdade" da súa experiencia, non máis. E, se cadra, pensei eu, tamén eu podo falar do que aprendín na miña (máis ou menos longa) experiencia. As conclusión, a dicir verdade, moitas veces, parécense.

Un mural sobre min :D

As miñas (conclusións, digo), foron dúas.

Para poder escribir, hai que ler. Se me apurades, para vivir ao xeito hai que ler. Pero hai que ler de todo, ata dar co noso. Hai que ler o que a cada un e cada unha lle pete. Ler co criterio preparado e os ollos ben abertos, para decidir por nós mesmas que é o que nos aburre, que é o que nos fascina e nos fai querer máis... Aprender que non lle pode gustar todo a todos, nin ten por que.

A outra conclusión, a outra cousa importante para escribir, pero tamén para a vida, é que se hai que equivocar. Moito. Hai que meter a pata ata o fondo, erguerse e volver a intentalo, polo mesmo ou outro camiño.

Aquí veume ben unha cita de Neil Gaiman, desas que procurei por internet. Nela, vén dicir o seguinte:

"Equivocádevos. Se vos equivocades é que estades a facer cousas novas, probando cousas novas, aprendendo, vivindo, cambiando o voso mundo."

E é certo. Estaredes facendo algo, cada un o seu. Facendo e desfacendo e aprendendo dos erros e dos acertos, das críticas e dos eloxios.


Nesta liña, seica Ray Bradbury dicía que escribía un relato cada semana. Tooodas as semanas. O señor bradbury viña dicir que, basicamente, era estatisticamente imposible escribir 52 relatos malos. Equivocábase, "perdía" o tempo, facía broza porque sabía que algún tiña que ser bon. E o certo é que con esforzo, estas victorias da vida saben moito mellor.

Esta foi a miña mensaxe. Pedinlles que leran, que gozasen co que escriben, que se trabucasen e seguisen sorrintes para adiante con todas as historias da vida. Porque as historias están en todas partes (díxenlle e dígovos, por se non o sabiades), aínda que alguén vos diga o contrario.

As historias escríbense en novelas, contos e poemas. Escríbense en series, pelis e videoxogos. Escríbense en tuits, blogs ou diarios agochados baixo a cama. Pero escríbense e deben escribirse. E nelas imos deixando a pegada do que somos.



Ningún comentario

Cóntame!