Propósitos


Os propósitos de ano novo non son o meu, pero mal raio me parta se non comezo cada ano pensando neles.

É un costume, que lle imos facer, e, sinceramente, non quero deixalo.

Porque coido que para pensar neses novos obxectivos cómpre facer balance do que queda atrás, do que xa se fixo, do que aínda non se fixo, do que non sabemos se daremos feito algún día. E iso é bon. Recapitular, recapacitar e reflexionar é moi bon, crédeme.

Decembro en fotos (e feliz 2014!)

Lembrades cando dixen que quería sacar máis fotos? Debe de ser o único propósito de ano novo que cumprín de verdade, de todo. Certo é que quedou xullo sen entrada, pero pode valer para retratalo esta entrada da Feira do Libro de Vigo, que á fin e ao cabo foi no mes. Novembro tampouco ten unha adicada tal cual, pero a viaxe a Roma, Florencia e Venecia ten que contar para algo.

Chegados a decembro, confeso que pouco teño que amosar, pero non podo rematar 2013 sen fotos, non podo non rematalo como comezou: cunhas botas e abondo frío.

Déixovos mostras dun paseo xunto ao mar furibundo de Burela, o río Xunco espléndido e os meus peuíños, de paseo á súa beira, este Nadal.