Na feira do libro (2013)

Foto: Alba Rego

A feira deste ano foi ben distinta á do ano pasado.

Por suposto que houbo un paseo de recoñecemento e logo un novo paseo de compra. Aínda que me encanta ver libros e pasar un bo anaco de caseta en caseta, intento ser rápida. Este ano, por dous motivos: 1) ía unha calor abafante, e 2) se me poño a ver máis cousas compro de máis!

Esa parte foi a habitual. A pouco habitual foi coa que vos levo dando a tabarra dende hai semanas: a presentación de Bágoa de Lúa.



Nestse enlace podedes ler a breve crónica que fixen no novo blog, o de As Crónicas de Landereina, se non a listes xa.

Sinceramente, custoume aterrar. Despois de que todo fora moi lento (un libro non se publica en dous días!), todo foi moi, moi rápido. Houbo traballo arreo, dese traballo bonito que fas a gusto, pero traballo, á fin e ao cabo. Saímos aos medios, démoslle voltas ao blog, mesmo fixen un par de entrevistas por teléfono e, sobre todo, púxenme nerviosa pola presentación.

O día foise achegando coma quen non quere a cousa, e o picorciño que me dá cos nervios na palma da man esquerda foi intensificándose. Os meus pais viñeron pasar o día con nós aínda que tiveron que marchar de volta ao acabar a sinatura de exemplares (iso son uns pais xeniais, por se non o sabiades), o Fraco acompañoume todo o día e sorriume como hai que sorrir para dar ánimos, e unha morea de amigos achegáronse pasar calor na carpa para estar comigo. Emoción é pouco chamarlle.

Francisco Castro, editor de Bágoa de Lúa, falou primeiro e eu púxenme colorada (coa calor non se notaba moito, pero, ai, como ardía!). Contou moitas cousas de como comezou este proxecto, do ilusionante que é, de canto nos queda por traballar. Logo, Ledicia Costas, conseguiu transmitir a esencia do meu libro sen desvelar de máis, cousa complicada, e fíxoo cunhas palabras tan bonitas e tanto cariño que nin sabía como agradecerllo. Farteime a dicir grazas, penso que quedou claro. E, por último, tocoume a min. E non sei nin que dixen. Sei que contei como naceu todo, pero coido que algún día volo contarei con máis calma, negro sobre branco. Sei que deixei ver canto estou flipando e falei moi rápido, como falo eu, e atoreime, e sorrín ata que me doeron as fazulas. E iso mola. Caer da burra e ver que un soño se fixo realidade. Erguerse abraiada e correr a polo seguinte.

Tras a presentación, asinei exemplares na caseta de Galaxia. Moitos. Ou non. Eu que sei, nunca asinara tantos libros! Foi divertido, a verdade, pero con todo canto vivín ese día (ou da calor, se cadra) fundíronseme as ideas e nalgúns volumes xa non sabía nin que poñer. Ao rematar, fixen unha entrevista para Libros Lectureka!, un blog de dous irmáns que demostran que a xuventude non está perdida, como moitos din. Esa é a miña primeira entrevista diante dunha cámara. Sei que podería ter dito cousas moito máis interesantes, pero ha ser a mellor de todas: sempre ha ser a primeira.

As cañas, os brindes, as apertas e o cansazo do baixón posterior quédomo para min, canda esta croqueta de recordos inconexos que só pon en orde o tempo.

Grazas por estar aí. Vémonos na próxima (pero xa non ha ser a primeira).


Ningún comentario

Cóntame!