Un pequeno descanso

San Cibrao (Cervo). Post-maruxaina, 2013
Vou tomar un pequeno descanso. Penso que é merecido.

Son moitas cousas, moitas para min agora mesmo e todo á vez.

Xuntar contidos para este blog leva un tempo que nestes momentos debo empregar noutras cousas, así que, se me permitides, vou descansar da Gramática un par de semaniñas.

Virá ben para a inspiración, seguro, e terei cousas que traervos co "novo curso" (pódese deixar de estudar, pero nunca de medir o tempo en cursos).

De todos os xeitos, non marcho lonxe: podedes seguir léndome en twitter en @belukagramatica  e seguir as cousiñas do meu libro en @landereina.

Xa logo volvo.
Feliz verán!

Un vello mariñeiro

Un só. Non son catro metidos nun bote, pero xa me está resoando iso na cabeciña...

O outro día deume forte o mono de pintar e saín mercar uns cantos lenzos. Nunha oda ao consumismo artístico que ás veces me obnubila, volvinme á casa ben cargada con dous lenzos ben grandes e tres "pequenos" (esto é moi subxectivo, penso eu), bocetei un retrato de mariñeiro cos meus novos lápices moleskine (regalazo) e púxenme a "pincelear". Un día relaxado, mono satisfeito, Beluka contenta. Esta é a evolución e o resultado.

Un reino de bolboretas (iv)

Estou de vacacións pero non me esquezo da última entrega das miñas ilustracións para un conto! Se non sabedes cal é, aquí tedes o comezo da historia, aquí o making of da primeira ilustración e aquí a portada e unha mini ilustración para a primeira páxina.

Hoxe remato coas outras ilustracións, a ver que vos parecen. Todas están feitas coa mesma técnica que vos expliquei: debuxo a lápiz, entintado con rótring (aquí en Vigo chámanlles grafos, pero en mi vida, chico...), escaneo e logo color en Photoshop. As sombras fágoas en capas distintas usando "multiplicar" no modo de capa, e os trazados negros elimínoos para darlle bordes brancos a todo.

Sen máis explicacións innecesarias, aquí tedes o resultado!

Un reino de bolboretas (iii)

Non, non me esquezo do conto das bolboretas. Hai que ir pouco a pouco cos contidos, tampouco vos vou a saturar pero, como suporedes, xa está rematado e parece que o autor quedou contento!

Ademais das ilustracións a páxina completa quixen engadir algúns detalles: os separadores son pequenas bolboretas (nada incrible, hai pinceis de Photoshop que as fan) e na primeira páxina hai un paxariño:


Parece que son adicta aos pinceis con efecto acuarela. Non é verdade :)

Xullo en fotos

Agosto! Gústame agosto. Gústame, sobre todo, polo motivo egoísta de que comeza co meu cumple. E xa sabedes que me encanta o meu cumple. Este ano tiña pensado collelo libre, pero sempre hai cousiñas, como unha pésima organización das vacacións do 2013 e as necesarias pseudo-vacacións de traballar noutras cousas de rendibilidade a longo prazo. Pero aínda está por ver que trae agosto (aparte do de hoxe!), e non dubido de que será bo. Por agora, aquí está un chisco de xullo, en fotos.