Work in progress

 E veremos que sae disto co que andiven onte e hoxe. Hai por aí a quen lle soarán, ou poderían :)
Agora, que seque ben, para seguir outro día.





Arrastraba tras de si unha ringleira de edificios

Arrastraba tras de si unha ringleira de edificios
dende que a cidade lle guindara o seu pesado ceo nos ombreiros.
Dende aquel día que se trabucou.
Confundiuse e chorou no canto de durmir.
E chorou 8 horas, como mandan os médicos.

7 palabras e unha coma (II)

Chovíchesme tarde, cando xa tiña un paraugas.

Os amores non se enfían


Hai amores contrafeitos
que se tornan parafuso,
premen na carne a súa ferruxe
en avance helicoidal
                                               cara ao corazón
                                               cara ao orgullo
                                               cara ao erro.

Hai amores contrafeitos
que resultan ser chanzos,
que te empurran na distancia
                                               cara a embaixo
                                               cara a enriba
                                               cara a outro.

Hai amores contrafeitos
que non son máis ca un ensaio
                                                para min
                                                para ti
                                                para nós.

Ilustración de A. Buenafuente

Negro e gris


Ilustración para a Dot:43
Esta é a ilustración que aompaña ao texto de Sergio Lagartija deste mes de xuño na Revista Dot, que podedes ler online en Issuu aquí.
A mín ségueme gustando máis a do número anterior, a Dot:42, esta:

Moitos ceros


Medidas de Ahorro, no blog de Cinta Arribas: http://cintarribas.blogspot.com
Ilustración orixinal de Cinta Arribas
Cando Jacinto José Álvarez González se decidiu polo seudónimo J. J. Algón para os seus libros, concedeulle a súa primeira entrevista mental a un medio autonómico. Foi a primeira e a última. Convencido de que as súas inexistentes novelas se convertirían nos famosos best-sellers que merecerían ser, o listón subiu rapidamente, pasando pola prensa escrita nacional ata un programa especial de Página 2, sen esquecer breves incursións nos talk-showsnocturnos norteamericanos.

Estou feita de

Eu
que fun oídos e ollos de milleiros de letras
e crin estar feita de libros.

Eu
que fun lápis e carbón,
que fun bolígrafo inquedo e cores nerviosas
e crin estar feita de lenzos.

Eu
son as palabras que debuxo
son os trazos que escribo
son as ideas que durmo e as vidas que soño
porque
eu
do que estou feita
é de cadernos de min.

Esqueces

Foto: Sabela Glez. - Camelle, abril de 2012
Contan das pedras que che fan as beiras
e dos felgos que che bailan
os suspiros.

Din das flores que te envexan
e dos tecidos
que te gozan esvarándote ao andares.

Esquecen,
cres ti,
que es máis ca un sorriso
e ti sínteste louza
e ti sínteste pote vello.

Esqueces,
creo eu,
que es só un autorretrato
e que pintaches os beizos
e que pintaches a alma.