Verdades

A agulla agarimou o vinilo
e Beth Gibbons encheume o salón de melancolía.
Esperei que chovera,
esperei que nacera unha cheminea onda a tele,
esperei que a roupa do tendal non secara.
Podo mentir e dicir que houbo tormenta,
que se fixo noite
e que de súpeto foi decembro
e puiden estrear o abrigo negro.
Pero non me gusta mentir.
Chegou o final do disco,
calada, sen respirar,
prestei atención ao delicado ruído da agulla
que volvía á posición de repouso.