Caixas de min

Agochei palabras debaixo da alfombra.

Nuns días marcho e, para a mudanza,
terei que agochalas nunha caixa de zapatos.
Como todo. Como a colección de posavasos.
Logo a miña caixa de palabras e eu volveremos.

Aí.
Uns días.
Eses días terei que abrila varias veces.
Atarei unhas palabras a outras e farei colgantes de agasallo para amigas,
outras heinas coser e facer camisetas de moda.
Tamén as pegarei en tarxetas de aniversario,
en libros
e no corpo.
Cun par de bicos adheriranse perfectamente,
negro sobre branco,
times new roman no embigo
e confesións en arial nas fazulas.
Nuns días marcho e, para a mudanza,
levo apertas en mochilas e bicos en maletas.
Levo ganas de volver nos pés,
aos que lles pesa a incertidume de a onde van.
Mentres vaian,
e teña mochilas,
todo irá ben.